O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, asinaron un protocolo xeral de actuación para a reorganización e xestión de infraestruturas educativas na cidade de Lugo. Ao acto asistiu tamén o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. En concreto, acórdase o traslado da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo ao Campus de Fingoi, que se situará nun novo edificio.
Como contrapartida, a USC cederá á Consellería de Educación o edificio que ocupa na actualidade a facultade, e que é compartido co colexio CEIP Anexa. Este espazo será destinado á creación dun novo instituto público. Deste xeito, tal e como explicou Román Rodríguez, “a Xunta creará unha gran área educativa no centro de Lugo, moi preto dun dos nosos elementos patrimoniais máis senlleiros, a Muralla”. Isto permitirá, ademais, dar resposta á alta demanda de prazas de secundaria nesa zona da cidade.
O conselleiro destacou que este acordo “fai cidade, xa que por unha banda suporá un impulso decidido a este Campus e á USC e, por outra banda, será un acordo enormemente beneficioso no noso sistema educativo”. “En definitiva, un gran proxecto á altura desta cidade que demostra o compromiso da Xunta con Lugo, e que se suma ao investimento realizado no último ano de 8,5M€ en obras -afirmou-. Apostar por reforzar as nosas infraestruturas educativas é apostar polo futuro”.