Lugo elimina os parquímetros da ORA


O Goberno local de Lugo comezou a retirada dos parquímetros do sistema ORA das rúas da cidade, sen uso desde o ano 2015. O obxectivo é avanzar nun modelo de mobilidade “peonil e accesible”, libre de barreiras que inclúe a creación dunha Zona de Baixas Emisións no centro histórico. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, precisou que esta decisión “obedece á necesidade de seguir avanzando na eliminación de barreiras que dificultan a mobilidade persoal e de mellorar a estética do conxunto da cidade, á vez que se evita un foco de confusión para os visitantes”, porque “descoñecen que, actualmente, esas máquinas non se atopan operativas”. En total, serán retirados das rúas de Lugo uns 60 parquímetros.