O extesoreiro do PP Luís Bárcenas saíu este domingo do cárcere de Soto del Real en Madrid para gozar dun permiso de seis días. Bárcenas cumpre unha condena de 29 anos polo caso Gürtel aínda que coa acumulación de penas xa cumpriu un cuarto do total, polo que pode pedir permisos. O pasado 17 de marzo o xuíz de vixilancia penal concedeu ao extesoreiro do PP o seu primeiro permiso penal de 12 días, do que poderá gozar en dous períodos de 6 xornadas. O maxistrado outorgou o permiso en contra do criterio da Fiscalía e a proposta unánime da Xunta de Tratamento de Soto del Real. No seu auto, recoñeceu a rigorosidade dos profesionais penais da xunta e que actúan baixo os principios de legalidade e presunción da verdade, e tivo en conta que Bárcenas, que estivo un tempo en prisión preventiva antes de ser xulgado, pasou máis de tres anos en liberdade provisoria sen que se producira ningunha incidencia ou intento de fuga. Tamén argumentou que a súa asunción de responsabilidade sería incompatible coa idea de quebrantamento; ademais da súa situación familiar, con apoio do seu fillo.
39
