O voceiro de En Marea Luís Villares afirmou este martes que “o que fai libre ás mulleres son o emprego e os salarios dignos” para referirse á fenda salarial entre homes e mulleres, situada no 30%. “Non hai camiño da igualdade sen emprego con dereitos, que permita chegar con dignidade a final de mes, non hai igualdade real sen independencia económica”, indicou para anunciar que En Marea levará ao próximo Pleno do Parlamento de Galicia un plan de loita para atallar esta fenda, que “significa unha penalización polo simple feito de ser muller e un empobrecemento das cotizacións, que dá lugar á fenda de pensións e que a desigualdade continúe ao retirarse tras unha vida de traballo”.