Luz Casal actuará en xullo no Obradoiro dentro da programación cultural do Xacobeo


A artista Luz Casal actuará o vindeiro mes de xullo acompañada pola Real Filharmonía de Galicia no marco da programación cultural impulsada pola Xunta de Galicia con motivo do Xacobeo 21-22. Así o anunciaron, acompañados pola artista, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quenes precisaron que o concerto terá lugar o mércores día 21 na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela e será retransmitido vía streaming.

No acto de presentación, o responsable de Cultura salientou que a colaboración de Luz Casal coa Real Filharmonía de Galicia suporá “un salto de calidade na oferta do Ano Santo ofrecendo un espectáculo único do que poderán desfrutar tanto os galegos e visitantes como aqueles que estean na súa casa grazas ás novas tecnoloxías”. Do mesmo xeito, celebrou que a boa evolución sanitaria permita dar novos pasos na reactivación cultural e salientou que para Galicia “é un orgullo contar con embaixadores como Luz Casal para afianzar a imaxe da nosa Comunidade como unha referencia no sector cultural”.