O Senado estadounidense aprobou un paquete de axuda de 95.300 millóns de dólares, uns 89.000 millóns de euros, para Ucraína, Israel e Taiwan. Unha medida alcanzada tras meses de difíciles negociacións e no medio de crecentes divisións políticas no Partido Republicano sobre o papel dos Estados Unidos no exterior. O presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, reaccionou con satisfacción á noticia. Para Zelenski, trátase dunha decisión longamente esperada.
“Trátase dunha medida pola que traballamos duro, unha decisión esperada, non soamente por nós senón por moitas outras nacións, especialmente en Europa. O mundo espera que o liderado estadounidense se manteña firme, e contribúa a protexer vidas e preservar a liberdade. Esto axuda, verdadeiramente, á confianza e a motivación”, sinala o mandatario ucraíno.
O presidente Joe Biden pediu aos republicanos da Cámara de Representantes que apoiasen o proxecto de lei de gastos suplementarios que enviará 60.000 millóns de dólares a Ucraína para a súa loita contra Rusia. Advertiu que opoñerse xogaría a favor de Putin.