Luz verde á concesión de 56 axudas do PEL-Reactiva para autónomos e microempresas de Camariñas

1 minutes read
  • Repartiuse o 100% do orzamento destinado para este fin, que era de 102.500 euros

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) acaba de publicar a resolución definitiva, tras o período de alegacións, do plan de axudas do Concello de Camariñas dirixido aos autónomos e microempresas que sufriron as consecuencias da declaración do Estado de Alarma, e do que se beneficiarán un total de 56 empresas do municipio.

Os adxudicatarios deste plan de axudas, cofinanciado pola Deputación da Coruña a través do PEL-Reactiva, recibirán entre 1.500 e 3.000 euros segundo a puntuación concedida. Así, repartirase o 100% do orzamento destinado para este fin, que era de 102.500 euros.

Agora, tal e como se recollía nas bases reguladoras, cada beneficiario deberá xustificar os gastos subvencionables antes do 31 de marzo. Posteriormente a esta data procederase á resolución final e ao abono do importe da cantidade concedida.