Luz verde ao Plan de reactivación económica e social de A Coruña por máis de 13 millóns de euros

A alcaldesa de A Coruña, Inés Rey_Concello

  • O documento, que contou co apoio de todas as forzas políticas, servirá para manter o tecido socioeconómico da cidade e protexer a veciñanza máis vulnerable

O Pleno aprobou este luns por unanimidade o modificativo de crédito necesario para poñer en marcha o Plan de reactivación económica e social da Coruña (PRESCO), cun orzamento de máis de 13 millóns de euros destinados a afrontar a crise ocasionada pola COVID-19.

O documento, que contou co apoio de todas as forzas políticas, servirá para manter o tecido socioeconómico da cidade e protexer a veciñanza máis vulnerable. A alcaldesa, Inés Rey, agradeceulles ás voceiras e aos voceiros o traballo que realizaron, en especial ao persoal da Área de Economía e Facenda por sacar adiante o expediente, e sinalou que a Corporación “pode saír deste Pleno coa cabeza ben alta, algo que non poden facer outros políticos doutras institucións”.

O voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, asegurou que A Coruña é a cidade galega que destina máis fondos á reconstrución social e económica. Unha medida que supón un grande esforzo, xa que “o Goberno local asume competencias que no son propias das administracións locais para levar a cabo un plan ambicioso que permitirá facer fronte ás consecuencias da pandemia”.

Lageo explicou que se establecerá un prazo mínimo de 8 días para presentar alegacións ao modificativo e que o Goberno recorre ao artigo 175 da Lei de facendas locais na tramitación do Modificativo do Orzamento para aprobar o PRESCO para acurtar os trámites. Esta vía posibilita usar os fondos do modificativo de crédito e evitar un mes máis de tramitación.

O orzamento procede de baixas de crédito en diferentes aplicacións que se estima que se poden minorar sen detrimento dos servizos aos que foron adscritas nun principio (8,9 millóns de euros) e do remanente líquido de Tesourería para gastos xerais (4,2 millóns). O plan articúlase en tres eixes; 2,4 millóns para servizos sociais, 8,9 millóns para axudas a persoas autónomas e PEMES, e 1,9 millóns para mellorar os servizos municipais.