Luz verde ao plan para crear un novo ámbito comercial na Laracha

2 minutes read
  • Na Xunta de Goberno Local tamén foron adxudicadas dúas convocatorias de axudas a estudantes

Este xoves, a Xunta de Goberno Local da Laracha aprobou, con carácter inicial, o Plan parcial AR-S1 ‘Gallega de Mallas’ que promove a sociedade Inmobiliaria Gabenlle. Isto foi posible tras superar os trámites de consulta pública e de avaliación ambiental estratéxica. Continuando co procedemento administrativo, o documento estará en exposición pública durante un período de dous meses e pendente dos preceptivos informes sectoriais antes de elevarse a aprobación a definitiva.

Este plan parcial, cuxo desenvolvemento está previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), é unha iniciativa privada que ten por finalidade crear un novo ámbito comercial nunha parcela situada na entrada ao núcleo urbano da Laracha en dirección A Coruña, xunto á estrada AC-552. Presenta unha superficie bruta de 28.890 m2 cun aproveitamento lucrativo resultante de 17.334 m2, dos cales corresponde unha cesión do dez por cento ao Concello. O promotor asumiría, ademais, os custos da creación do novo viario e da glorieta de acceso desde a AC-552, así como de 177 prazas de estacionamento público no ámbito.

O desenvolvemento desta iniciativa preséntase como unha achega positiva á actividade comercial, xa que o sector «quedaría integrado na trama urbana da vila e sería un motor comercial ao abrir novas oportunidades para a creación de emprego no termo municipal», sinalan desde o Concello.

Por outra banda, tamén se acordou adxudicar dúas liñas de axudas municipais dirixidas aos estudantes. A primeira delas é a destinada ás familias para a escolarización dos seus fillos. Esta convocatoria de subvencións do Concello está dotada con 55.000 euros para cooperar no financiamento da adquisición do material escolar ou calquera outro desembolso directamente relacionado coa actividade educativa para o curso 2021-2022. Ata o de agora realizáronse 417 solicitudes. As contías das subvencións son de 125 euros para os estudantes de educación infantil, 100 euros para os de educación primaria e ESO, 180 euros os que cursan Bacharelato e FP e 300 euros tanto para os universitarios e como para aqueles alumnos que requiran de necesidades educativas especiais.

A outra convocatoria de axudas ten por obxecto subvencionar a adquisición de material informático. O Concello dotou con 20.000 euros este programa, pensado especificamente para o alumnado que comprase ou vaia comprar antes de final de ano un ordenador persoal, tableta, impresora ou libro electrónico. Neste caso, a contía das axudas é de 200 euros por beneficiario.