Luz verde ao POS de Muxía cos únicos votos a favor do grupo de goberno


O equipo de goberno do Concello de Muxía conseguiu aprobar en pleno un plan de investimento, a cargo do POS 2023 da Deputación da Coruña, centrando na mellora da rede viaria e nun novidoso proxecto de limpeza e de emprego para a vila da Barca.

As propostas contaron unicamente cos votos a favor do grupo de Goberno, nun pleno que contou coas ausencias de dous concelleiros do PP e o concelleiro do BNG. Así como da ausencia habitual de dous concelleiros non adscritos.

Propostas firmes e realidades

Tras acadar a aprobación deste Plan Único, a coñecida e concorrida praia de Nemiña contará cunha reposición total do firme, así como levarase a cabo a mellora da estrada que une o areal co núcleo de Vilela e de Nemiña (máis de 55.000 euros), e que actualmente está en moi mal estado.

No núcleo de Touriñán, o plan inclúe a mellora e acondicionamento con aglomerado das cinco entradas que conclúen no lugar e que se unirían tamén coa estrada principal a Touriñán (preto de 75.000 euros), facendo unhas conexións entre elas.

Outra das importantes obras presentes no plan, que conta cunha inversión de preto de 100.000€, é a construción en aglomerado da vía que une Alberguería (cruce de Agreiras) ata pasado o núcleo de Os Castelos. Unha vía que será continuada, unha vez se faga este gran tramo, en fases hasta Viseo.

Na mesma proposta, inclúese a mellora da vía que une Quintáns coa praia do Lago (máis de 71.000 euros), facendo así as conexións coa estrada que se vai a construír de Lago a Leis.

O proxecto aprobado tamén recolle o subministro de novas marquesiñas e o acondicionamento do punto de recollida e tratamento de residuos en Os Muíños (preto de 50.000 euros).

Novidoso proxecto de limpeza e creación de emprego

Tras acadar a luz verde, o goberno local investirá máis de 108.000 euros deste POS 2023 na creación dun novidoso programa de limpeza para o municipio que ao mesmo tempo xerará emprego na propia vila. Trátase dun proxecto propio do Concello de Muxía e que buscará a creación de varios postos de traballo á vez que repercuta na limpeza do municipio en todos os seus ámbitos.

En referente ao POS Social, o goberno local tamén conseguiu aprobar unha importante cifra que ascende a case 80.000 euros.

Tras o anuncio do proxecto de investimento deste POS, o alcalde de Muxía, Iago Toba, destacou que “con realidades, con proxectos firmes e con moito traballo, este equipo de aposta e inviste en mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza de Muxía.

“Con moito orgullo, sen escusas, e cun goberno de tan só tres persoas de novo Muxía poderá contar cun gran investimento que mellorará gran parte da rede viaria do municipio, moi necesitada de renovación, e fomentarase o emprego local cun ambicioso proxecto de limpeza”, destacou Toba.