Luz verde ao xuízo político contra Donald Trump

1 minutes read

A Cámara de Representantes de Estados Unidos, de maioría demócrata, aprobou este xoves 31 de outubro unha resolución que formaliza o proceso para abrir un xuízo político ao presidente estadounidense, Donald Trump, polo escándalo coñecido como a ‘trama ucraína’. A histórica votación saíu adiante, por 232 votos a favor e 196 en contra, un texto no que se especifica como se levará a cabo a investigación que ata o de agora se desenvolveu a porta pechada e baixo regras marcadas pola maioría demócrata.

A resolución autoriza ao Comité de Intelixencia a facer públicas as súas audiencias e elaborar un informe para que o Comité Xudicial decida se redacta artigos para un xuízo político contra Trump, que se desenvolvería no Senado, onde os republicanos teñen unha estreita maioría. Só dous demócratas votaron en contra de seguir adiante coa investigación. Mentres, no bando Republicano, Justin Amash, un independente de Michigan, votou a favor do ‘impeachment’. Ao mandatario estadounidense acúsaselle de presionar ao presidente de Ucraína, Vladimir Zelensky, para que investigase as actividades no país do fillo de Joe Biden, candidato demócrata á presidencia.

A modo de presión, o presidente estadounidense chegou a retirar a axuda militar que proporciona a Ucraína, país aliado que se atopa inmerso nun conflito con Rusia.