Luz verde aos orzamentos de A Coruña para este 2020

Imaxe do pleno de A Coruña_Fonte: coruna.gal

  • O Goberno local recolleu no novo documento orzamentario as alegacións presentadas polos sindicatos

O Pleno celebrado este venres en María Pita deulle o si definitivo ao orzamento xeral e ao cadro do persoal para o ano 2020 cos votos a favor de todos os grupos da Corporación, agás os do PP. O documento recolle unha previsión de ingresos e gastos equilibrados que ascenden a 260 millóns de euros, e que están dirixidos a favorecer o impulso da actividade económica, a sustentabilidade ambiental, especialmente na mobilidade urbana, e garantir o benestar social.

O documento ratificado na sesión deste venres recolle as reclamacións presentadas polos sindicatos, CIG, UXT e Comisións Obreiras nas que pedían que se incrementasen as prazas do grupo C1 do cadro de persoal a 134 e se convocasen 82 prazas de promoción interna do grupo C2 ao C1.

Ademais, a través da aprobación dunha emenda presentada polo Grupo Socialista e Marea Atlántica, corrixiuse un erro material no cadro de persoal do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). O orzamento da entidade, tal e como explicou o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, recolle agora unha partida de 200.000 euros para o financiamento dos programas para creadores «Xerminal» e a dinamización cultural en barrios «Cultura de barrio».

A pesar de deplorar a actitude dos populares, Lage quixo quedar coa parte positiva de que «a maioría da Corporación apoia as contas» porque «o orzamento non ten unha cor partidista exclusiva senón unha única cor que é o dos intereses dos veciños e veciñas», dixo.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha