A alcaldesa de Vimianzo, a socialista Mónica Rodríguez, afirma sentirse especialmente satisfeita co anuncio da Consellería de Política Social de dar luz verde ás solicitudes de ampliación de prazas e de melloras das instalacións da Escola Infantil. Así “estamos a dar solución a unha importante demanda, especialmente no horario de mañá e favorecemos as condicións para a conciliación das familias con fillos de 0 a 3 anos”.
Segundo o expediente, que procedeu a desatascar o Goberno de Rodríguez este verán, pasarase de contar con 41 a 61 prazas, permitindo dar cabida a todas as solicitudes da listaxe de agarda. Créase tamén un novo comedor, o que supón un maior confort para os nenos e nenas. Hai un novo almacén e créase a sala de profesores, coa que ata agora non se contaba.
No relativo ás instalacións, o proxecto contempla a accesibilidade dos baños a persoas con discapacidade, a mellora da iluminación e da ventilación, contar cun patio de xogos pechado, a mellora das condicións hixiénicas xerais das aulas e das condicións de accesibilidade e seguridade de todo o centro.
En canto ao comedor vello, o seu uso será de sala multifuncional, e poderá acoller terapias de psicomotricidade, a biblioteca, sala de novas tecnoloxías, etc.
Mónica Rodríguez fixo fincapé no seu “agradecemento ao esforzo dos concelleiros de Política Social e de Obras, e do persoal municipal destes departamentos, que entenderon a importancia que este goberno local daba a desatascar un expediente que levaba atascado dous anos e medio e que afectaba á capacidade de conciliación e polo tanto ao benestar familiar de moitas familias”.
A alcaldesa de Vimianzo lembra que “forma parte do núcleo programático deste goberno favorecer a conciliación das familias e mellorar as oportunidades e a calidade de vida da nosa mocidade, co fin de fixar poboación e facer o posible por rematar coa desertización poboacional do territorio”.