M2, e a obra baseada no xuízo de «La Manada», chegan ao FIOT

2 minutes read

Este venres, ás 21 horas, será a quenda da estrea de Juguetes, de Producciones Rokamboleskas, unha creación da dramaturga e directora Carolina Román, quen propón unha reflexión sobre a identidade sexual, o empoderamento e a capacidade da sociedade para dar cabida ao colectivo trans.

Este domingo 13 chegará un dos grandes éxitos deste 2019: Jauría, a dramaturxia de Jordi Casanovas creada a partir da transcrición de fragmentos das declaracións da demandante e dos acusados do xuízo de La Manada. Esta peza de teatro documento, que pon o foco nun caso que marcou un antes e un despois na relación social coa violencia sexual, está dirixida con mestría polo recoñecido Miguel del Arco, gañador do Premio Nacional de Teatro 2017 co proxecto El Pavón Teatro Kamikaze e director de obras como Misántropo, Juicio a una zorra ou Ricardo III.

  • O teatro mestúrase coa actividade cotiá de Carballo a través do Certame de Micro-escenas Metro Cadrado.

Esta fin de semana dará comezo unha das liñas de programación máis singulares do Festival Internacional Outono de Teatro, como é o Certame de Micro-escenas Metro Cadrado, unha proposta que pretende visibilizar o traballo de artistas e compañías emerxentes á vez que o público vive unha nova e intensa experiencia teatral. Na súa terceira edición, o M2 aposta por ofrecer espectáculos e creacións escénicas de curta duración en enclaves non convencionais á hora de acoller unha representación, como son unha barbería, unha paquetaría ou mesmo un lavadoiro.

Micro-Escenas M2contará este ano cun total de seis espectáculos, dos cales catro serán estreas absolutas. As primeiras dúas funcións terán lugar este sábado, 12 de outubro, da man das compañías Encontarte Producciones e Catro Gatos Teatro. A primeira delas presentará Sorpresa, unha comedia dramática que conta a historia de Nora, “unha muller católica, apostólica e romana” que ten preparada unha sorpresa para o seu home polo seu aniversario, pero este non aparece. Sorpresa é unha historia de segundas oportunidades e de mulleres empoderadas que se representará ás 13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas no Casino 1889 de Carballo.

A segunda das propostas será a estrea absoluta de Invisíbel, da compañía de recente creación Catro Gatos Teatro, na que, a través do humor negro, convidan ao público a reflexionar sobre as persoas anónimas que se ven na obriga de emigrar, coma aquelas que procuran refuxio. A proposta, apta para todos os públicos, representarase ás 13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas no Estudio de arte Garabato.