Mabegondo | Xornada técnica sobre os recursos fitoxenéticos conservados


A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), celebrou unha xornada técnica sobre os recursos fitoxenéticos conservados no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), situado no concello coruñés de Abegondo. O director da Agacal, José Luis Cabarcos, asistiu ao acto, que estaba dirixido a persoas vinculadas coa agricultura, a gandaría, a industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeira ou con expectativa de incorporación a algún deses sectores. Tamén acudiu o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáenz, que tamén participa nesta xornada.

Na xornada, púxose de relevo o intenso traballo que vén realizando o CIAM dende a década de 1970, conseguindo que moitas variedades de conservación ou comerciais, así como poboacións naturais, fosen rexistradas ou estean en proceso de selo para poñelas a disposición do sector.

Nesa liña, actualmente consérvanse no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo 696 variedades autóctonas de millo (530 delas galegas) e case 300 variedades de cereais de inverno (195 de trigo, 91 de centeo, catro aveas e tres cebadas). Así mesmo, existe unha colección de máis de 2.300 mostras de sementes pratenses de 101 especies e máis de 500 de froiteiras (331 de maceiras, 132 de pereiras, 22 cerdeiras e 20 de pexegos e claudias). Canto aos cultivos hortícolas, consérvanse máis de 400 castes, entre as que destacan as 179 de fabas, 101 de chícharos, 62 de xudías, 32 de tomates ou 24 de pementos.

Así, os asistentes á xornada puideron coñecer o contido das coleccións e os resultados obtidos ata este momento con este material, tanto en termos de conservación, multiplicación e caracterización, como en relación ao rexistro de variedades.