Madrid segue o camiño de Vitoria e pecha tamén todos os seus centros educativos, salvo os de educación especial, a partir do mércores durante 15 días. As autoridades recoñecen un cambio a peor da evolución da enfermidade en España, que supera os 1200 positivos por coronavirus dos que hai máis de 70 na UCI. O principal foco está en Madrid, que ás seis da tarde do luns sumaba xa 578 contagios e 17 falecidos. Isto levou ao Ministerio de Sanidade a cambiar o escenario de contención por un de «contención reforzada», que inclúe novas medidas para a Comunidad de Madrid e as cidades de Vitoria e a Bastida, no País Vasco, que se consideran agora zonas de transmisión significativa ou alta. Tamén se fan algunhas recomendacións á cidadanía, como adoptar medidas de teletraballo e de flexibilización do horario laboral sempre que sexa posible para evitar as aglomeracións. Para os colectivos vulnerables como os maiores e as persoas con enfermidades crónicas recoméndase limitar as saídas e a actividade social e ser atendidos a domicilio. Tamén se insta aos cidadáns para evitar as viaxes innecesarias. Quen presente síntomas deberán contactar telefonicamente ás autoridades sanitarias.
32