Maduro recoñece o desastre económico de Venezuela


O réxime chavista, que raramente publica estatísticas do devir do país, culpa ás sancións estadounidenses de que desde 2014 Caracas perdese o 99% dos seus ingresos en divisas, fundamentalmente obtidas a través do petróleo.

«Entre 2014 e 2019 Venezuela experimentou a máis brusca caída de ingresos externos da súa historia; quizais é primeira vez que me refiro a estes números de maneira pública», recoñecía nunha rolda de prensa o mandatario, que é presidente desde 2013.

Desde hai meses a cidadanía venezolana apenas ten acceso a gasolina a pesar de atoparse o país sobre as maiores reservas de petróleo do mundo. Esta nova escaseza agudiza a falta de múltiples bens de consumo aos que xa de seu é difícil acceder. No medio desta caída libre o réxime prepara unhas eleccións lexislativas o 6 de decembro para as que unha gran parte da oposición chamou ao boicot.