Maica Ures | “Carballo é un concello orgulloso”


O Concello de Carballo está utilizando o mobiliario urbano para reivindicar a liberdade de ser e sentir, enchendo o territorio de cores que simbolizan os valores que quere compartir coa cidadanía. Maica Ures, concelleira de Igualdade, presentou este luns, xunto co xerente de zona de Ecovidrio, Germán Fernández, e o alcalde, Evencio Ferrero, as novas iniciativas que pretenden dar visibilidade á loita dos colectivos LGBTIQA, unha delas é a que representa a instantánea, seis colectores de vidro que forman a bandeira da diversidade sexual na rúa Desiderio Varela, enmarcada na campaña #OrgulloDeReciclarVidro que leva a cabo Ecovidrio, entidade que se encarga da reciclaxe de residuos de envases de vidro en España. “Carballo é un concello orgulloso. Estamos orgullosas de todas e cada unha das nosas veciñas e veciños, e de ser un Carballo libre, aberto, onde todas e todos temos cabida”, manifestou Maica Ures.