Un total de 1.021 nenos e nenas participarán este venres, 29 de novembro, na proba deportiva escolar de campo a través organizada pola Xunta de Galicia, dentro do programa Xogade, e o Concello de Carballo coa colaboración da Federación Galega de Atletismo.
Nesta edición participan 11 centros de ensino de catro concellos: A Cristina, Bergantiños, Fogar, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo e Xesús San Luís Romero, de Carballo; Alcalde Xosé Pichel e Bormoio-Agualada, de Coristanco; Otero Pedrayo e Caión, da Laracha, e Galán, de Arteixo.
As probas celebraranse no campo de fútbol municipal das Eiroas.
Carballo converterase na sede do atletismo escolar durante esta xornada de venres, pero ademais o concello xa ten concedida a organización da fase final provincial de campo a través para centros escolares, que se celebrará o 6 de marzo do 2020 no circuíto exterior da zona verde do polígono industrial de Bértoa.