Máis de 10.000 euros en premios no concurso de disfraces do Entroido de Carballo 2026

3 minutes read

Os disfraces invadirán Carballo un ano máis, encabezados polo viquingo que protagoniza este ano o cartel, entre o 7 de febreiro e o 7 de marzo: ruadas, música, pasarrúas, circo, bailes infantís, cocidos, festivais, charangas, festas… e tres citas que cada ano congregan a miles de persoas: o Concurso e Desfile de Disfraces, Comparsas e Carrozas, a Festa Infantil de Entroido e o Enterro da Sardiña.  

Este ano o Concurso, no que habitualmente participan máis de medio millar de persoas, terá lugar o domingo 15 de febreiro e estará presentado pola regueifeira Lupe Blanco, coristanquesa moi vinculada a Carballo e unha das responsables da Escola de regueifa da vila. Comeza ás 18.00 horas e durante o baile posterior (patrocinado pola Concellaría de Terceira Idade coa actuación do Dúo Veneguay), farase a entrega de premios, aproximadamente ás 20.30 horas.

Dos máis de 10.000 euros que repartirá o concurso, arredor de 4.500 están destinados a gratificacións para premiar a participación na actividade. Os importes ascenden a 125€ para as comparsas infantís e a 125€ para as comparsas de adultos de menos de 25 membros, a 200€ para as de máis de 25 membros, e 300€ para as carrozas. Concederanse un máximo de 20 gratificacións para os 20 primeiros inscritos. Ademais, está previsto repartir ata 17 premios e ata 1.000 euros en accésits.

Unha das citas que a cativada agarda cada ano é a Festa Infantil que se celebra o Luns de Entroido. Neste caso é o 16 de febreiro na Praza do Concello de 18.00 a 19.30 horas e contará con música de picadiscos, xogos e animación. Outra das actividades que xa é tradicional é o Enterro da Sardiña, neste caso o martes 17 de febreiro a partir das 19.00 horas. Contará coa colaboración da Aula de Teatro Municipal de Carballo que dirixe Galeatro. A comitiva do cortexo fúnebre sairá da Praza do Concello e continuará ata o Parque do Anllóns, onde a sardiña acaba no río. Colaboran na cita os servizos municipais de Policía Local e Protección Civil, así como a Agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Carballo.

Animación de rúa

O programa contará tamén con moita animación nas rúas xa desde o primeiro día. Así, o venres 13 de febreiro a música de Cé Orquestra Pantasma visitará a Praza do Concello a partir das 18.30 horas; e a partir das 20.00 horas será a quenda de Brassica Rapa, unha banda que combina música instrumental e vocal con multi percusión. Os pasarrúas terán presenza o 15 de febreiro, día do Concurso de disfraces, o luns 16, día da Festa Infantil e tamén o martes 17 durante o Enterro da Sardiña: correrán a cargo das charangas Bregadiers e Santa Compaña.

Ao programa hai que sumarlle as actividades que se desenvolven en diferentes barrios e parroquias de Carballo: coa terceira edición do Renacemento do Chorón na Milagrosa o sábado 14 de febreiro; con festas de Entroido en Ardaña e Oza o sábado 7 de febreiro; con festas do cocido en Lema e Sofán o sábado de Piñata e o 7 de marzo respectivamente; ou co festival de Entroido que celebra Cances o sábado 28 de febreiro.

Citas para todos os públicos e para todas as idades durante un mes intenso no que o espírito máis festeiro estará presente en cada recuncho do municipio. Organiza o programa a Concellaría de Cultura coa colaboración da Concellaría de Terceira Idade, a Concellaría de Asociacións Veciñais, a Brigada Municipal de Obras, os servizos de Policía Local e Protección Civil e a Agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Carballo.