Máis de 100.000 persoas gozaron da música galega no Festival Intercéltico de Lorient


Máis de 100.000 espectadores asistiron desde o pasado 2 de agosto aos 66 concertos protagonizados por grupos e artistas galegos durante 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, na que este histórico encontro da cultura celta celebrou o Année de la Galice (Ano da Galicia). A actuación de Mercedes Peón na noite deste sábado pechou esta participación galega, que tivo un gran protagonismo tanto dentro da programación oficial do evento como na promovida pola Consellería de Cultura e Turismo no pavillón de Galicia en Lorient, que recibiu máis de 50.000 visitantes durante os últimos nove días.

Uns 300 músicos e bailaríns dunha vintena de formacións integraron a que é unha das nosas delegacións artísticas máis numerosas dos últimos anos. Dela formaron parte algúns dos nomes máis internacionais da nosa música, como Carlos Núñez ou Milladoiro, xunto con artistas que están a renovar a nosa tradición musical, como Davide Salvado, Xosé Lois Romero e Aliboria, Talabarte ou Tiruleque, e agrupacións que, como Xacarandaina, traballan día a día na súa recuperación, mantemento e difusión.

Galicia foi, por exemplo, a protagonista do concerto inaugural do festival, Os camiños de Breogán, un espectáculo sinfónico de música e danza tradicional coa participación de 130 artistas, que recibiu unha gran ovación do público que encheu o pasado día 2 o Théâtre de Lorient. A el asistiu o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, quen tamén participou en diferentes accións de promoción de Galicia como destino cultural e turístico, coa ollada posta na celebración do próximo Xacobeo 21.