Máis de 100 nenos da zona de Bergantiños recibiron apoio da UDIAF

Concello de Carballo

  • A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) atende problemas evolutivos, afectivo- emocionais ou de linguaxe

A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) de Bergantiños atendeu ao longo do ano 2020 a un total de 111 nenos e nenas da comarca, un 61,9% residentes en Carballo, segundo a memoria de actividades presentada este venres pola Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT). O seu presidente, Jaime Ponte, que mantivo unha xuntanza co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, sinalou que cifra é algo menor á de anos anteriores debido ao peche das instalacións durante tres meses debido ás restricións sanitarias.

En total realizáronse 1.692 prestacións de apoio personalizado e 272 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos. A demora asistencial continuou medrando, ao pasar dos 90 días do ano 2019 aos 152,46 no 2020. Nas enquisas anónimas cubertas polas familias o nivel de satisfacción co servizo mantense nun nivel moi elevado, cunha satisfacción global de 4,82 sobre un máximo de 5. Ditos resultados «poñen de manifesto a importancia asistencial do servicio e a confianza que depositan as familias na intervención que se realiza», sinala Ponte.

Dende que empezou a funcionar o servizo a finais do 2014 foise reducindo a idade media de acceso dos nenos e nenas, que nos últimos dous anos sitúase nos 2,9 anos e que, aínda así, é superior á dos outros dous centros xestionados pola AGAT nas comarcas do Salnés e Deza.

Unha parte importante do traballo da UDIAF consiste en coordinarse e colaborar cos profesionais e os recursos que atenden aos nenos dende outros servizos. A tipoloxía das dificultades atendidas abrangue problemas evolutivos, afectivo- emocionais, de conduta, da comunicación e a linguaxe, motrices ou cognitivos.

A UDIAF Bergantiños forma parte, xunto coas do Salnés e do Deza, dun proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e subvencionado integramente pola Consellería de Política Social. A súa sede está na avenida do Ambulatorio, nun local cedido polo Concello de Carballo no antigo ambulatorio. O servizo é público e gratuíto para as familias da comarca de Bergantiños. O contacto pode realizarse a través do correo electrónico bergantinos@atenciontemprana.com ou ben chamando ao teléfono 881.946.410.