Máis de 100 participantes en Carballo nos cursos de teléfono móbil impartidos pola Cruz Vermella


  • Xa son 107 as persoas que participaron nos cursos de manexo do teléfono móbil organizados polo Concello de Carballo e impartidos por voluntariado da Cruz Vermella.

Nos últimos dous meses, veciños e veciñas de Vilela, Carballo, Oza, Sofán, Berdillo, Lema, Noicela e Rebordelos tiveron a oportunidade de familiarizarse cos actuais smartphones e sacarlles máis partido.

Nos obradoiros, de carácter práctico, as voluntarias da Cruz Vermella amosan aos participantes o manexo básico de acendido e apagado, control do volume ou busca de opcións no menú, a interpretación das iconas, o uso das aplicacións, gardar números na axenda ou programar unha alarma. Pero tamén se traballa a parte audiovisual, para que aprendan a facer fotos e vídeos, gardalos ou envialos, e, sobre todo, o manexo básico de Internet e do Whastaspp, que é unha da principais demandas. A instalación de APP útiles coma a do Sergas, que facilita a solicitude dunha cita médica, tamén ocupa parte do tempo de aprendizaxe. Cada obradoiro consta de tres sesións de dúas horas de duración. A acollida está sendo moi boa, e en case todas as parroquias piden xa un segundo curso para seguir aprendendo.

Polo momento, e dado o elevadísimo número de solicitudes recibidas, as voluntarias da Cruz Vermella continuarán o seu percorrido ata completar todas as parroquias. Nas que non houbo un número mínimo de solicitudes ofreceuse ás persoas interesadas a posibilidade de acudir a outras.

O obxectivo desta iniciativa, na que o concello conta coa colaboración da Cruz Vermella, e encher o tempo de ocio da terceira idade pero tamén dotar ás persoas maiores de ferramentas que hoxe en día son case imprescindibles para a vida diaria.