Un total de 12.668 profesionais en medicina optan a 8.550 prazas de MIR. Segundo o Ministerio de Sanidade, a convocatoria bate marcas e convértese na maior oferta aprobada, cun 5 % máis de postos ca no 2022 e un 39 % de incremento respecto a hai cinco anos.
A Central Sindical Independente de Funcionarios (CSIF) denuncia o déficit da oferta e lembra que deixará fóra 4.000 profesionais en medicina e 6.000 en enfermería.
A Confederación Sindical de Sindicatos Médicos (CESM) lamenta o «abandono» que sofre todo o relacionado coa formación especializada e que Sanidade ignore reiteradamente as súas peticións.
As probas realizaranse ás 16:00 horas, de xeito simultáneo, en 28 localidades de todas as comunidades e nas dúas cidades autónomas. En Galicia, os exames faranse en Santiago e Vigo. Para toda a comunidade, convocáronse 620 prazas, 77 máis ca o pasado ano.