Máis de 120.000 menores de 21 anos dispoñen dos beneficios da tarxeta Xente Nova

Tarxeta 'Xente nova'

Máis de 120.000 mozos e mozas menores de 21 anos dispoñen da tarxeta ‘Xente Nova’, que permite realizar viaxes por toda Galicia gratis nos autobuses de competencia autonómica.

A medida pioneira implantada pola Xunta para garantir a gratuidade do transporte público segue a mellorar a súa acollida, acadando este mes de agosto esa nova cifra. Con respecto ao mesmo período do ano anterior, rexistráronse 24.000 altas de tarxetas máis, incrementándose asimesmo as bonificacións: no que vai de ano destináronse máis de 4 millóns de euros a estes abonos.

Deste xeito, desde o inicio do programa, a provincia da Coruña é a que rexistra máis usuarios da tarxeta ‘Xente Nova’, máis de 65.000. Os concellos con máis dispositivos para viaxar gratis no autobús da Xunta son A Coruña, con máis de 9.000; Santiago de Compostela, con máis de 5.000; Ferrol, con preto de 5.000; e Oleiros e Ames, con case 4.000.

Séguea Pontevedra provincia, con case 40.000 tarxetas expedidas. Vigo conta con case 11.000 usuarios, seguido do municipio de Pontevedra, con máis de 4.000; e Cangas, con preto de 3.000.

A provincia de Lugo conta con preto de 7.000 tarxetas activas e a de Ourense, con algo máis de 6.000. As respectivas cidades de provincia son as que rexistran máis beneficiarios, máis de 2.000 en ambos os casos.

Máis en detalle, por áreas, a da Coruña é a que rexistra máis usuarios da tarxeta Xente Nova, un total de 30.741. Séguea Vigo, con 23.221 tarxetas expedidas, e Santiago, con 15.577.

A maiores, na área de Ferrol contabilízanse actualmente 11.385 beneficiarios; na de Pontevedra, 8.803; na de Ourense, 6.395; e na de Lugo, 3.328. Os restantes municipios suman un total de 20.706 tarxetas emitidas.

A tarxeta ‘Xente Nova’ é unha iniciativa social de fomento do transporte público que a Xunta puxo en marcha no ano 2016, cos obxectivos de contribuír á economía das familias e facilitar o acceso dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente a non obrigatoria.