Un total de 134 persoas xa contan no seu teléfono móbil con SmartWay Smartiago, a aplicación que premia á cidadanía que promove a mobilidade sostible en Santiago de Compostela dentro do proxecto Xemelgo Dixital, enmarcado na iniciativa Smartiago impulsada polo Concello de Santiago.
Esta aplicación pode descargarse de xeito gratuíto nos sistemas iOS e Android e o seu funcionamento é moi sinxelo: unha vez descargada a aplicación, a persoa usuaria deberá rexistrarse cos seus datos persoais para poder monitorizar a súa propia ruta, podéndoa compartir cun coñecido ou familiar. Ademais, dependendo de factores como o modo de desprazamento elixido (a pé, en bicicleta ou moto), a persoa usuaria obterá puntos que poderá trocar en Smartket: un espazo virtual onde se atopan varias entidades e comercios locais que ofertan os seus servizos ou produtos con descontos.
Polo de agora a lista de colaboradores comprende o Centro Comercial As Cancelas, a tenda ecolóxica de comestibles A Cesta da Saúde, o Multiusos Fontes do Sar e a tetería e ecotenda O Xardín dos Soños.
SmartWay Smartiago é unha aplicación que está en constante revisión para seguir mellorando a súa utilidade e que facilitará ao Concello de Santiago posicionar a cidade como pioneira no fomento da mobilidade intelixente e sostible, podendo trasladar o seu uso a outras Cidades Patrimonio de España