Máis de 133.000 usuarios desfrutaron da II Mostra do Encaixe virtual de Camariñas

1 minutes read
  • Nas redes sociais realizáronse 56 publicacións centradas na comercialización do encaixe, nos desfiles de moda e no turismo

A II Mostra de Encaixe virtual de Camariñas volveu a alcanzar «datos espectaculares», destacan desde a organización. Desde o 28 de marzo e ata este domingo 4 de abril, 133.650 usuarios visualizaron a través das redes sociais as 56 publicacións centradas na comercialización do encaixe, os desfiles de moda e a promoción dos recursos turísticos de Camariñas.

Na I Mostra virtual a cifra de persoas alcanzadas foi de 237.962 nun total de 175 vídeos publicados. Este ano, polo cambio de natureza do evento, máis organizado e con obxectivos diferentes, optouse por reducir o número de publicacións gañando en calidade e aumentando o alcance medio, pasando das 1.359 persoas por post do ano pasado ás 2.386 persoas deste.

Un dos obxectivos principais desta II Mostra virtual era difundir e promocionar a aplicación do encaixe a través da súa comercialización. Así, as ofertas especiais dos 12 postos participantes foron vistas por 61.018 persoas.

A concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro, e a directiva do evento, Dolores Lema, agradeceron o traballo de todas as persoas que participaron e agardan “que en outubro, con tódalas garantías sanitarias, se poida celebrar a tan desexada trixésima edición da Mostra do Encaixe”.