Máis de 150 carballeses colaboran na campaña de trampeo da velutina

Charlas sobre velutinas_Concello de Carballo

  • As trampas e o líquido atraente poden solicitarse na web municipal ou nas oficinas do Servizo Municipal de Control de Pragas

O Servizo Municipal de Control de Pragas de Carballo conta xa con 154 persoas colaboradoras na loita contra a avespa velutina. Dende que se puxo en marcha a campaña anual de trampeo foron distribuídas 969 trampas e 670 litros de líquido atraente, aínda que desde o Concello sinalan que seguen recibindo peticións tanto na web municipal como de xeito presencial nas oficinas da empresa concesionaria (rúa Brasil, 27).

De xeito paralelo, este ano o goberno local organizou cinco charlas informativas en varios puntos da localidade. As sesións, nas que participaron un total de 70 persoas, desenvolvéronse nos centros sociais de Sofán, Rus, Lema, Cances e a Escola de Arrabaldes. O apicultor José Antonio Pereira e o responsable do servizo, Isidro Rodríguez, explicaron os prexuízos da avespa asiática para a cría de abellas, a produción de mel, medidas para previr picaduras ou o xeito de preparar unha trampa caseira, entre outros aspectos. En todas as charlas participou tamén o alcalde, Evencio Ferrero.

Dende o Concello de Carballo agradecen a implicación da cidadanía na loita contra esta especie invasora e lembran que, no caso de detectar un niño, deberase chamar ao 012.