Máis de 150 parellas inscritas en Carballo na V carreira popular “De dous en dous”

3 minutes read

O Club Atletismo Carballo -en colaboración co Concello de Carballo, Carballo Deporte, Policía Local, Protección Civil, Club Ciclista Carballo e a AD Media Ducia- organiza a V Carreira Popular por parellas ‘De dous en dous’, que se celebrará o vindeiro 30 de marzo. A proba, nocturna e do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, ten un carácter inclusivo -poden participar deportistas con diversidade funcional- e solidario, a favor de Cruz Vermella, Cáritas e a ONG Miradas al mundo.

Nesta edición, Atletismo Carballo programou ademais dúas actividades paralelas: a animación do grupo de percusión SomDoLilá e os obradoiros de pintura e globoflexia cos que entreterá á cativada a empresa de actividades deportivas e de ocio carballesa Playmakers.

As inscricións, ata un máximo de 600 corredores -incluídas todas as categorías en competición: pitufo, sub 10, sub 12, sub 14, sub 16 e adultos-, faranse a través de www.carballo.gal e www.carreirasgalegas.com, ata o mércores 27 de marzo. Serán gratuítas, coa opción, non obrigatoria e solidaria, de entregar, ao recoller o dorsal, un litro ou quilo de comida non perecedoira ou produtos de hixiene infantil, que se destinarán a Cruz Vermella e Cáritas; Miradas al mundo aceptará lapis, afialapis e gomas de borrar para que poidan aprender a ler e escribir os nenos de Guinea, un dos países cos que colabora na actualidade esa ONG.

Xa son máis de 150 as parellas inscritas.

Con saída na Gran Vía,  á altura da rúa Álvarez de Sotomayor, estes son circuítos polos que pasará a carreira, segundo cada categoría:

  1. Categoría pitufo: Gran Vía, desde rúa Pintor Urbano Lugrís ata a meta.
  2. Categoría Sub 10: Gran Vía, xiro á esquerda por Rosalía de Castro, xiro á esquerda por Valle Inclán, rúa Colón, xiro á esquerda por Desiderio Varela ata chegar ao punto de inicio e pase por meta en Gran Vía.
  3. Categorías sub 12, sub 14, sub 16 e adultos: Gran Vía, xiro á esquerda por Dr. Fleming, xiro á esquerda por Valle Inclán, continúan por rúa Colón, xiro á esquerda por Desiderio Varela ata chegar ao punto de inicio e pase por meta en Gran Vía.

Horarios da carreira.
Presentación da carreira na Casa do Concello coa participación do alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; e a presidenta e o secretario do Club Atletismo Carballo, Asun Vázquez e Carlos López.


Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?