Máis de 160 centros de ensino participarán no programa Radio na Biblio este curso

2 minutes read

Para iso, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ten aberto o prazo para que 30 novos centros se incorporen a esta iniciativa, que ten como obxectivo promover a creación de emisoras/laboratorios nas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado.

Poderán participar na convocatoria os centros públicos de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato ou FP integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe). A dirección do centro será a responsable de presentar a solicitude.

Os centros que se incorporen ao programa recibirán unha asignación dun máximo de 2.000 €. Este orzamento destinarase a crear a emisora. No caso dos 138 centros escolares que xa contan cun laboratorio de radio no marco desta iniciativa, percibirán 500 € cada un para a realización de obradoiros de formación específica, en materia técnica para o funcionamento da emisora de radio, a elaboración de producións radiofónicas ou o desenvolvemento de competencias mediáticas a través da radio ou sobre lectura expresiva ou mellora da expresión oral.

Plan LÍA

Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2021/2025 de Bibliotecas Escolares, que contempla o reforzo dos programas que inciden na formación do alumnado no seu acceso aos medios de comunicación, como é o caso, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.

A posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento de competencias clave a través de tarefas complexas que involucran diversas habilidades e destrezas, permitindo o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas do centro educativo.

Tras cinco convocatorias do programa Radio na biblio, obsérvanse excelentes resultados pola motivación que supón este medio para o alumnado e as oportunidades que abre para as bibliotecas á hora de ampliar e diversificar o tipo de proxectos colaborativos ou de actividades de carácter interdisciplinario que poden deseñar, cun enfoque comunicativo e de reforzo das competencias clave como horizonte.