A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) acolleu a última proba anual para a obtención e renovación da habilitación como persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, á que están convocadas máis de 160 persoas.
Os aspirantes participaron nunha proba de coñecementos e na realización dun test psicolóxico. Para obter a habilitación deberá obterse a cualificación de apto nas dúas probas e no caso da renovación só se terán que presentar á proba psicolóxica.
Para a admisión neste curso, requirirase achegar un certificado de aptitude psicolóxica expedido por un centro médico-psicolóxico ou persoal autorizado xunto cun certificado de antecedentes penais. Esta mesma documentación tamén se terá que presentar no momento da renovación da habilitación, cuxa vixencia pasará no novo decreto de 5 a 10 anos.
Entre as funcións do persoal de acceso, atópanse as de controlar a entrada das persoas ao establecemento, comprobar a súa idade e identidade, controlar a adquisición da entrada ou localidade, supervisar que non se exceda a capacidade máxima autorizada, vixiar que as bebidas non sexan sacadas do local, prohibir o acceso fóra do horario de peche, e incluso, se fora necesario, auxiliar ás persoas que se encontren feridas e chamar ao teléfono de emerxencias correspondente. Máis de 1.000 persoas xa acadaron desde a aprobación da normativa vixente a habilitación en vigor para realizar as funcións de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.