Máis de 190.000 € para licitar o Plan estruturante da ampliación do polígono de Santa Comba


A Xunta destinará un investimento estimado en algo máis de 190.000 euros a redactar o Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) para a ampliación do actual parque empresarial de Santa Comba. Trátase do primeiro PEOSE que se licita en Galicia desde a entrada en vigor o pasado 10 de novembro da Lei de áreas empresariais, que aposta por este novo instrumento para planificar as actuacións de creación de solo empresarial coa maior eficacia e rapidez.

Durante unha visita ao polígono de Santa Comba na que estivo acompañada pola alcaldesa, María Pose, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou que este martes se publicou na plataforma de contratos a redacción do futuro PEOSE, que permitirá incorporar ao actual parque algo máis de 200.000 metros cadrados. Ademais, os traballos licitados inclúen tamén os proxectos de urbanización, de delimitación de fases e de parcelación da referida ampliación.

Na práctica, a conselleira explicou que a modificación prevista suporá triplicar practicamente a superficie deste polígono, promovido pola empresa pública Xestur, posto en servizo no ano 2005 e que nestes momentos conta con case 104.000 m2 incluídas as parcelas dedicadas a uso industrial e comercial, os equipamentos sociais e deportivos, as zonas verdes e os viarios e aparcamentos existentes.

Na actualidade, xa están vendidas as 41 parcelas dispoñibles de xeito que para poder responder á demanda de solo empresarial existente na zona, proxectouse unha ampliación co fin de poder habilitar preto de 121.000 m2 adicionais para albergar novas parcelas industriais e comerciais.

Tal e como subliñou a conselleira, o desenvolvemento do novo ámbito do polígono de Santa Comba farase a través dun Plan estruturante, unha das principais novidades introducidas pola lei galega e que suporá un avance substancial no que respecta ao desenvolvemento de novas áreas industriais ao tratarse dunha ferramenta “flexible” e capaz de ofrecer respostas máis rápidas ás necesidades de solo que xurdan en cada zona dependendo do momento.