Trátase dunha iniciativa enfocada ao impulso da innovación tecnolóxica por parte do alumnado de Formación Profesional e a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos.
Así o asegurou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez no Centro de Innovación da FP Eduardo Barreiros en Ourense, onde presentou a posta en macha desta novidosa acción da Consellería que mobilizará máis de 2.000 alumnos e 400 profesores de 100 centros de FP durante o curso 2023-24 e 2024-25, e suporá un investimento de 1,5M€ neste período. Segundo Román Rodríguez, que estivo acompañado do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e da directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o contexto de transformación social e tecnolóxica “esixe unha profesionalización inmediata das competencias dixitais”, de aí á necesidade de “afondar nas súas posibilidades e ofrecer un valor engadido que marque a diferencia”.
Neste reto insírese InnovaTech FP, a través do cal se busca incentivar, entre o alumnado e os titulados de FP que contan cunha alta formación tecnolóxica, o desenvolvemento de proxectos avanzados no eido tecnolóxico e industrial co obxectivo último de lograr unha transferencia de coñecemento cara as empresas dos distintos sectores produtivos da Comunidade.