Máis de 2.200 persoas participaron no que vai de verán na campaña ‘Do mar, vívese’


A campaña de sensibilización Do mar, vívese, posta en marcha pola Consellería do Mar para concienciar sobre os prexuízos que ocasiona a extracción ilegal de recursos marisqueiros aos profesionais desta actividade, chegou xa a máis de 2.200 visitantes dos areais galegos desde a súa posta en marcha o pasado mes de xullo. Así, nestas primeiras semanas de actividade a iniciativa trasladou aos veraneantes a importancia de respectar o traballo dos profesionais do marisqueo que na época de verán obteñen un terzo dos seus ingresos anuais, a través de diferentes obradoiros.

Ademais de involucrar ás veciñas e veciños da zona, a campaña amosa tamén eses valores aos turistas que visitan as costas galegas por medio de xogos e actividades lúdicas dirixidas a persoas de todas as idades. Neste sentido, algúns dos aspectos máis valorados polos que toman parte nesta acción é a posibilidade de coñecer o traballo que realizan os profesionais do marisqueo –nalgúns casos con experiencias de primeira man–, as diferenzas entre especies e a importancia de conservar limpo e coidado o medio –en varias ocasións os propios participantes colaboran con recollidas de lixo–.

Nos expositores informativos situados nas praias tamén se reparten trípticos sobre esta iniciativa e elementos promocionais entre o público que participe como bolsas de pano, toallas de praia e camisetas. Tamén hai chalecos e gorros destinados ás confrarías de pescadores.