Máis de 20.000 maiores xa recibiron atención gratuíta co programa de Coidados porta a porta


Máis de 20.000 persoas pasaron xa polas unidades móbiles do programa Coidados porta a porta desde que no pasado mes de marzo comezaran o seu percorrido por todos os concellos galegos agás as sete cidades. A través desta iniciativa, achéganse aos maiores de 55 anos atención gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria.

Por provincias, a da Coruña é a que rexistra ata o momento un maior número de beneficiarios desta iniciativa con máis de 5600; a esta síguelle a de Pontevedra con preto de 5000; despois está a de Lugo con arredor de 4600 e, por último, a provincia de Ourense con case 4200 usuarios.

Por medio de oito autobuses, a Consellería de Política Social e Xuventude facilita coidados médicos e de saúde en xeral preto dos fogares das persoas maiores, evitándolles desprazamentos fóra da súa contorna e posibilitando que poidan seguir vivindo alí onde prefiran. Este programa desenvolveuse por primeira vez de maneira piloto en 2019, cunha moi boa acollida entre os concellos e a veciñanza, de aí que este ano se recuperase e ampliase a todos os municipios galegos.

Para ser atendido en calquera dos autobuses de Coidados porta a porta, que continuarán percorrendo o territorio galego, cómpre solicitar cita previa nos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do seguinte enderezo electrónico: coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal