Máis de 20 gandeiros interésanse polo proxecto piloto de polígono agroforestal de Curtis

1 minutes read

Máis de 20 gandeiros de Curtis asistiron á reunión informativa organizada pola Consellería do Medio Rural e o Concello desta localidade coruñesa para dar conta dos traballos do polígono piloto agroforestal que se vai desenvolver nas parroquias de Santaia e Foxado.

No encontro, que tivo lugar no recinto multiusos de Teixeiro, participaron o propio alcalde, Javier Caínzos, e persoal do Banco de Terras da Xunta, encargado dos traballos. O seu subdirector, Alejandro Sánchez de Dios, deu conta dos detalles desta iniciativa, que ten como obxecto a mellora da superficie e a estrutura das explotacións de vacún, fundamentalmente leiteiro, e abrangue unha superficie aproximada de 3.200 hectáreas. Na xuntanza emprazouse aos gandeiros participantes e a quen se queira incorporar a un novo encontro de traballo no vindeiro mes de setembro, co fin de avaliar os primeiros avances do proxecto.

Este polígono piloto agroforestal de Santaia-Foxado ten unha clara vocación leiteira para pastoreo e no seu perímetro existen un total de 53 explotacións. As actuacións que se están a levar a cabo arestora son as referidas á identificación de titulares e explotacións, accións de dinamización e ordenación de usos e charlas informativas como esta celebrada en Teixeiro.