Máis de 20 mortos nun accidente dun avión militar en Ucraína


No avión militar, que se incendiou ao estrelarse, viaxaban 27 persoas, das que sete eran oficiais e vinte cadetes da Universidade da Forza Aérea de Járkov. Segundo informou a Presidencia ucraína nun comunicado, no accidente, que se produciu o venres pola noite durante unha manobra de aterraxe, resultaron ademais feridas dúas persoas. O Servizo Estatal de Emerxencias de Ucraína indicou noutra nota este sábado que continúa a procura de tres persoas máis. O presidente ucraíno, Vladímir Zelenski, expresou as súas condolencias ás familias e aos amigos das vítimas e desexou aos feridos unha pronta recuperación.