Máis de 200.000 estudantes comezarán este 15 de setembro as clases na Secundaria, Bacharelato, FP e Ensinanzas de Réxime Especial (ensinanzas para adultos, artísticas e deportivas), segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
As cifras de matriculación non serán definitivas ata dentro dunhas semanas, dado que aínda nos últimos días se realizaron exames de recuperación en Secundaria. Ademais, aínda e posible matricularse nos ciclos formativos que contan con prazas libres.
Malia a provisionalidade dos datos, segundo as estimacións da Consellería, en ESO e Bacharelato apenas se producen variacións, con cambios focalizados nos últimos cursos. Ademais, prodúcese un incremento moi considerable de alumnos na FP galega, con preto de 3.000 alumnos máis. Deste xeito, o número total de alumnos nestas ensinanzas elevaríase a arredor de 60.500.
Neste sentido, cómpre salientar o crecemento ao abeiro dos novos másteres de FP, que superan os 600 matriculados, cubrindo as 540 prazas de nova creación este ano. Así mesmo, a FP Dual superará os 2.000 matriculados, en máis de 160 proxectos.
Segundo as estimacións, 94.187 alumnos comezarán o curso en ESO, o que supón 448 menos ca no curso 2020/21. Por outra banda, 33.002 alumnos e alumnas comezarán este mércores as clases de Bacharelato ordinario en Galicia, o que supón 128 máis ca no curso 2020/2021.
