Ao redor de 250 persoas, entre as que destacan Xosé Manuel Beiras (Anova) ou Ana Miranda (BNG) subscribiron un manifesto pedindo a constitución dunha Plataforma Antifascista Galega, que tamén conta co apoio de figuras do mundo cultural e político de Galicia, como a sindicalista Laura Bugallo, a feminista Lola Ferreiro, a ecoloxista Nela Abella ou a actriz Mónica Caamaño.
A través dunha páxina web, un grupo de persoas de distintos ámbitos da sociedade política e civil de Galicia impulsaron este manifesto ao entender que ante «a eclosión do fascismo» é necesario «tecer amplas unidades de converxencia, xenerosidade e altura de miras». Subliñan no escrito que o fascismo é a ferramenta que historicamente se utilizou «en momentos de profundas crises» para cargar contra as clases populares e frear as reivindicacións.
Fronte ao auxe deste movemento, os asinantes consideran necesario «mobilizar ao pobo traballador galego contra esta ofensiva reaccionaria e na defensa dos dereitos e conquistas laborais e sociais ameazadas». Para iso, sosteñen, tamén se debe «disputar a hexemonía cultural e ideolóxica entre os sectores populares».