Máis de 250.000 persoas xa están vacinadas contra a gripe en Galicia

Archivo.

Un total de 253.076 persoas xa completaron a pauta de vacinación contra a gripe dende o inicio da campaña que se iniciou o pasado día 18 de outubro, e que se estenderá ata finais de decembro.

Como consecuencia do carácter secuencial da campaña deste ano, a maior parte destas doses foron administradas a persoas de 65 ou máis anos, en concreto 220.622, acadando unha cobertura do 31,79%. O resto das vacinas administradas corresponden a traballadores de centros sanitarios e de residencias da terceira idade.

As cifras de persoal sanitario vacinado ata este momento é de 22.130, das que 5.789 son de atención primaria e 16.341 de atención hospitalaria.

O número de vacinas administradas a embarazadas ata este momento é de 141.

Cómpre lembrar que a campaña conta cun investimento de preto de 5,3 millóns de euros que permite adquirir máis de 885.000 doses, que serán distribuídas nos máis de 900 puntos de vacinación despregados, entre centros de saúde, hospitais e residencias.

Como principal novidade, por primeira vez este ano e para mellorar a xestión, a vacinación será secuencial. O luns 18 de outubro comezou a inoculación ao persoal de centros sanitarios públicos e privados. A partir do 25 de outubro iniciouse a quenda dos de 65 e máis anos e persoas en centros ou residencias. Desde o 15 de novembro vacinarase ás persoas de 60 a 64 anos, maiores de 60 con patoloxías de risco, embarazadas e prematuros de ata 2 anos e persoal de servizos esenciais e farmacias. E, por último, desde o 29 de novembro continuarase co resto da poboación diana sen vacinar e conviventes con persoas de risco.