Máis de 250 xestores culturais participan no plan de formación en transformación dixital

1 minutes read

Máis de 250 xestores culturais participan no Plan de formación para mellorar as competencias dixitais dos xestores culturais. A boa acollida desta iniciativa, impulsada pola Xunta e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) obrigou a triplicar a oferta académica inicial, fixada nas 80 prazas, e a abrir unha listaxe de agarda.

Precisamente, esta semana deu comezo o primeiro dos sete cursos incluído neste proxecto, que se desenvolverá ata o mes de decembro, e que se enmarca dentro do Plan de Reactivación do sector cultural para favorecer a recuperación desta industria fronte aos efectos da crise da covid-19. Os cursos estarán impartidos por especialistas docentes e contarán cunha orientación práctica para que os participantes poidan identificar e aplicar as estratexias e ferramentas dixitais máis adecuadas aos obxectivos, contidos e equipos da súa entidade. Ademais, a metodoloxía será totalmente online, permitindo unha aprendizaxe flexible ao ritmo do alumnado.

Dos participantes, un 29,2% son profesionais da xestión cultural do sector privado, un 26,2% do sector público, un 20% desempregados con formación/experiencia nesta materia, un 13,1% estudantes de formación superior con orientación profesional na xestión cultural e un 11,5% profesionais do sector social.