Máis de 30.000 persoas visitaron en Santiago a mostra ‘Camelia, flor de Galicia’

Máis de 30.000 persoas achegáronse esta Semana Santa ao claustro do Pazo de Fonseca para visitar a exposición ‘Camelia, Flor de Galicia’, organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Sociedade Española da Camelia e a Universidade de Santiago de Compostela. Entre o 80% e o 90% do público correspondeu a turistas ou visitantes da cidade nestas datas, o que confirma o éxito da proposta como atractivo complementario á programación relixiosa e tradicional propia desta celebración.

A mostra, que reuniu máis de 200 variedades de camelias combinadas con elementos decorativos do traxe galego, converteuse nun dos principais reclamos para quen escolleu a capital galega nestes días. A súa localización, aos pés da Catedral, e a súa coidada posta en escena contribuíron a reforzar a experiencia dos visitantes, entre os que tivo unha excelente acollida.

A iniciativa enmárcase na estratexia de Turismo de Galicia para diversificar e enriquecer a oferta turística da comunidade e neste caso, a de destinos urbanos como é Santiago de Compostela, ofrecendo propostas de calidade que amplían as opcións de lecer máis alá dos actos tradicionais da Semana Santa. Neste sentido, a camelia, elemento identitario da comunidade, serviu como fío condutor para poñer en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico de Galicia.

Precisamente, a camelia xunto coa riqueza botánica dos xardíns localizados nos pazos e edificios patrimoniais de Galicia serán os protagonistas da presencia da Xunta no Orticolario, un dos eventos de xardinaría e paisaxismo máis destacado de Italia, que terá lugar no mes de outubro na vila histórica Villa Erba, no Lago de Como.

Related posts

O Concello de Arteixo licita un novo e moderno parque en Candame

Sete empresas optan a participar no prototipo flotante que monitorizará a enerxía xerada polo mar en Langosteira

A Deputación da Coruña convoca o premio Otero Pedrayo 2026, dotado con 16.000 euros