Máis de 30 nenos participarán na versión virtual do proxecto “A vila do mañá” en Carballo

1 minutes read
  • As actividades desenvolveranse ao longo das vacacións de Nadal, con propostas para realizar na casa e outras ao aire libre

Un total de 32 nenas e nenos do concello de Carballo, de seis a doce anos, participarán na versión virtual do proxecto “A vila do mañá”, unha proposta da arquitecta Sandra González que trata de implicar á infancia no deseño das vilas do futuro. As actividades desenvolveranse ao longo das vacacións de Nadal, con propostas para realizar na casa e outras ao aire libre.

Os participantes poderán recoller este luns pola tarde as caixas máxicas da iniciativa, que inclúen o material necesario para o traballo que se vai levar a cabo nas vindeiras semanas. As caixas estarán a disposición das familias inscritas na Biblioteca Rego da Balsa. No seu interior atoparán tamén as claves para acceder á área privada da páxina web aviladomañá.com, que será a ágora virtual na que se atoparán a diario o equipo multidisciplinar do proxecto e a rapazada.