Máis de 300 participantes nas probas físicas para cubrir 89 prazas de Policía Local en 24 concellos

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou ás máis de 300 persoas que participan no terceiro exercicio do proceso selectivo de acceso a 89 prazas de Policía Local convocadas por 24 concellos de xeito centralizado a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Trátase das probas físicas que se desenvolverán no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (CGTD) e ás que se someterán os aspirantes que xa superaron o test de coñecementos e a proba de coñecemento de lingua galega do pasado setembro. Xa estaba previsto que se celebraran os pasados 3 e 4 de novembro pero tiveran que ser adiadas pola meteoroloxía adversa.

Os exercicios inclúen probas de velocidade e de resistencia xeral con carreiras de 500 e 1.000 metros lisos respectivamente; probas de potencia de tren superior -flexións de brazos para homes e suspensión en barra para mulleres- e de potencia de tren inferior mediante salto horizontal, así como unha proba de natación de 25 metros en estilo libre.

As persoas aspirantes que superen estas probas físicas deberán someterse a unha proba psicotécnica que determine as actitudes e aptitudes persoais e a súa adecuación ás funcións policiais. Tamén deberán pasar un recoñecemento médico para garantir que estean nas condicións axeitadas para o desenvolvemento da súa actividade.

O último paso do proceso corresponde ao curso selectivo de formación teórica e práctica na Academia Galega de Seguridade Pública. Así, as persoas que cheguen a esta fase formarán parte desde xaneiro da 16ª promoción de Policía Local para ser finalmente nomeadas persoal funcionario de carreira na categoría de policía no correspondente concello.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha