O salón principal do Hotel Balneario Compostela (O Tremo) quedou pequeno para acoller a presentación de Pablo Lago Sanmartín como candidato á Alcaldía do Concello de Brión. Un acto no que estivo arroupado por máis de 300 veciños e veciñas, así como por Xosé Luís García García, alcalde de Brión durante 43 anos, e Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral da Executiva Provincial do PSOE da Coruña.
Pablo Lago comezou agradecendo o apoio dos seus compañeiros de partido, en especial de José Luís García, dos traballadores municipais e da súa familia durante os dous últimos anos á fronte da Alcaldía de Brión. “Eu quérolle moito a Brión e por iso teño deseñado un plan para construírmos xuntos o Brión do futuro. Un plan que abrangue todos os aspectos: infraestruturas, medio ambiente, deporte, mocidade, terceira idade, crianzas, comercio, cultura…”, apuntou.
Proxectos de presente e futuro
Neste sentido, aproveitou a súa intervención para adiantar algúns deses proxectos, como o “Brión en verde”, que xa se comezou a aplicar co reforzo do servizo de limpeza e mantemento das áreas naturais e que continuará coa mellora das rutas de sendeirismo de todo o municipio, a creación dunha nova ruta que una as parroquias da Luaña e Cornanda, así como unha posta en valor da ruta do Pozo Negro.