Máis de 37.000 clientes de toda Galicia descargaron xa o Bono Activa Comercio nas primeiras horas deste luns, mentres que o número de comercios adheridos superou os 4.000, dos cales máis de 1.300 corresponden á provincia de Pontevedra. Os bonos, en formato de código QR, poden descargarse a través do móbil na web bonosactivacomercio.gal, onde tamén poden sumarse ata o 30 de novembro novos establecementos comerciais. No caso dos clientes, este luns foi o primeiro día no que se poden descargar e utilizar os bonos, mentres que os negocios puideron anotarse ao programa desde o pasado 13 de outubro. A principal novidade deste ano é a ampliación de tramos de desconto e os importes. Así, o desconto é de 5 euros para compras a partir de 20 euros e inferiores a 30 euros; 10 euros para compras desde 30 euros e inferiores a 50; e de 15 euros se superan os 50 euros de compra.
24