Máis de 4.000 rapaces aproveitaron as instalacións do albergue xuvenil municipal de Cabana en 2025

1 minutes read

Cabana de Bergantiños consolida a súa aposta polo turismo sostible: en 2025, máis de 4.000 persoas hospedáronse no albergue xuvenil Alalá, que recibe grupos de rapaces ao longo de todo o ano.

Un dos últimos grupos en utilizar as instalacións foi o Club de Natación e Salvamento da Estrada. Os cadetes e infantís da agrupación deportiva aloxáronse en Cabana para preparar o Campionato Galego, que se celebrará o mes que vén.

Este tipo de estadías amosan o uso do albergue máis aló da tempada estival. Neses meses recibe o seu pico de visitantes, especialmente coa organización dos campamentos da Xunta. Con todo, o centro mantén unha ocupación continuada o resto do ano grazas a hóspedes que aproveitan as instalacións deportivas e as actividades culturais e de natureza do municipio.

Os usuarios chegan tanto de Galicia como doutros puntos de España. Moitos están vencellados ao deporte, como clubs de baloncesto, salvamento, tríatlon, halterofilia ou sendeirismo, pero tamén se aloxan asociacións de tempo libre e excursións de colexios, concellos e estudantes de intercambio, tanto de Erasmus como de países como Francia ou Alemaña.

Neste sentido, o albergue xuvenil reforza a desestacionalización das visitas a Cabana. É un dos obxectivos do goberno municipal para afianzar un modelo de turismo sostible máis alá do verán.

O albergue xuvenil Alalá pode hospedar 54 persoas. Localizado nas recuperadas casas dos mestres, está totalmente equipado, conta con cociña para os hóspedes e sitúase nun lugar privilexiado xunto á praia do Pendón.