Máis de 4.700 aspirantes participaron nas oposicións para o corpo auxiliar C2 da Xunta


Un total de 4.713 persoas participaron este domingo nas oposicións para 341 prazas do corpo auxiliar C2 da Xunta de Galicia. A porcentaxe de participación nos exames que se celebraron de xeito simultáneo no recinto da Feira internacional de Silleda e no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI), foi do 47%.

Esta é a convocatoria co maior número de prazas, e o segundo proceso ao que concorre un maior número de aspirantes despois do da agrupación profesional de persoal subalterno. Ademais, o corpo auxiliar administrativo é un dos máis numerosos da Administración autonómica, pois na actualidade, máis de 3.000 profesionais ocupan prazas nesta categoría.

Os exames desenvolvéronse con todas as garantías sanitarias logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos de actuación que garanten a súa realización con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.