A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades pon en marcha EduFrance, unha mobilidade na que 200 estudantes galegos e outros 200 franceses, das rexións académicas Hauts-de-France e Bretagne, participarán este curso neste proxecto de mobilidade. A esta iniciativa, o Goberno galego suma Picasso Mob, un novo programa de intercambio entre alumnado de centros educativos galegos e da rexión académica Bourgogne-Franche Comté no que participarán seis estudantes galegos e outros seis de Francia.
O obxectivo destes intercambios escolares é propiciar o coñecemento mutuo das culturas e linguas de ambos países mediante a asistencia do alumnado a centros educativos e a convivencia en familias doutro país. A estratexia Edulingüe 2030 de Linguas Estranxeiras da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades promove este tipo de accións como chave para achegar ao alumnado galego a un contexto internacional real, tanto no ámbito académico como no da convivencia diaria.
No caso do programa EduFrance, serán arredor de 200 os alumnos de 3º e 4º de ESO e 1º Bacharelato de 20 centros públicos galegos que participarán nun intercambio cultural e lingüístico con alumnado de centros educativos franceses das rexións académicas Hauts-de-France e Bretagne, ambas no país galo.
Durante o período de intercambio, o alumnado galego participante –entre 10 e 15 escolares por cada centro– deberá asistir ás clases no lycée ou collège que lle fose asignado pola Région Académique correspondente e aloxarase na casa dunha familia francesa, e viceversa no caso da viaxe dos estudantes franceses en Galicia. A estancia do alumnado galego en Francia terá unha duración dun máximo de 10 días naturais e poderá desenvolverse en calquera momento do curso 2023/2024.