Chega á súa fin a programación semestral do programa Medrando con Apego, unha iniciativa plenamente consolidada que combina a dinamización lingüística en galego, o apoio á crianza e a socialización comunitaria desde as idades máis temperás. Cun balance extraordinario de participación, máis de 400 familias sumáronse ao longo destes últimos seis meses ás diferentes propostas artísticas, formativas e de lecer activo programadas polo Servizo de Normalización Lingüistica.
O programa ten como epicentro as Escolas do Xardín Agra de Caldas, pero tamén se desenvolven actividades noutros moitos espazos públicos, como a Biblioteca Rego da Balsa, o mercado municipal, as piscinas municipais ou o paseo do Anllóns. Porque un obxectivo de Apego é a creación de espazos públicos humanizados, accesibles e acolledores para a infancia e os seus titores, nos que o uso do galego sexa o fío condutor natural para transmitir emocións, cultura, música e hábitos saudables entre a infancia de 0 a 6 anos.
Desde o inicio do ano, a programación ofreceu unha gran variedade de contidos adaptados a cada etapa do desenvolvemento. As familias puideron gozar de propostas que conxugaron a saúde e a arte, como a hixiene bucodental, a xestión emocional ou os obradoiros de neurodesenvolvemento e psicomotricidade para bebés. A música tradicional e o patrimonio literario tamén tiveron un peso fundamental, xunto co estímulo á lectura e diferentes obradoiros, pasando por experiencias na natureza como a andaina guiada polas beiras do río.
A programación deste primeiro semestre culminará o vindeiro mércores, 17 de xuño, co espectáculo Son no berce, con Cris Collazo, que ofrecerá dúas sesións de concertos sensoriais deseñados especificamente para bebés de 0 a 4 anos e as súas familias, concibidos como unha viaxe sensitiva que explora os primeiros descubrimentos do corpo e os sons que dan vida á lingua galega. O prazo de inscrición xa está aberto en carballo.gal: https://carballo.gal/evento/medrando-con-apego-son-no-berce-con-cris-collazo/
En setembro arrincará a segunda parte do programa anual.
Máis de 10 anos medrando con Apego
Carballo foi o berce do programa Apego e segue sendo un dos concellos locomotora deste proxecto, que, tal como explica Ángeles Pacoret, concelleira de Normalización Lingüística, trata de facilitar a socialización en galego dos nenos e nenas de cero a seis anos, achegando ás familias tanto materiais físicos e virtuais como actividades formativas e informativas, sempre lúdicas.
O proxecto, que empezou a camiñar no ano 2015, conta nestes momentos no noso concello con máis de 400 familias inscritas. E todas as que queiran sumarse non teñen máis que pedir cita coa técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Carme Pereiro, a través desta ligazón: https://carballo.gal/evento/cita-previa-para-programa-apego/